Friday 17 de May de 2024

Venres 2 de xullo, 19.30h.: primeira xuntanza informativa sobre os proxectos eólicos que lle afectan a Moeche


O consistorio agarda concertar os encontros coas empresas promotoras para a primeira quincena do mes

Tal e como avanzara o Goberno local hai uns días, o Concello de Moeche promoverá reunións coa veciñanza de cara a achegarlles toda a información dispoñible sobre os proxectos eólicos que lle afectarían ao territorio municipal no caso de saíren adiante. O primeiro deses encontros terá lugar no Mercado de Moeche o venres 2 de xullo ás 19.30h. e nel participarán representantes do Observatorio Eólico de Galicia -entidade constituída pola Universidade da Vigo, a Fundación Juana de Vega e a Fundación Isla Couto- con quen, ademais, o Concello asinará un convenio de colaboración. A finalidade é obter o asesoramento e a información necesarios para que tanto o consistorio como as veciñas e veciños poidan presentar alegacións. Á xuntanza tamén asistirá un dos responsables da asociación “Ventos do Caxado”, das Pontes, para achegar a súa experiencia sobre o proceso de negociación coas empresas eólicas. Por outra banda, na primeira quincena de xullo agárdase convocar a xuntanza pública con ENEL, promotora do parque que tería un maior impacto no municipio e cuxo proxecto iniciará a fase de exposición pública, previsiblemente, en cuestión de días.

O acordo que asinará o Concello co Observatorio Eólico de Galicia pretende “proporcionarnos unha visión global do sector eólico e os detalles concretos dos proxectos que hai planificados para Moeche”, explica Beatriz Bascoy. A alcaldesa apunta que entre os cometidos da entidade trala sinatura do convenio estaría “analizar o seu contido e preparar os correspondentes informes que nos aclaren cales van ser as súas repercusións sobre o territorio, principalmente de que maneira lle afectarían á paisaxe, á actividade agrogandeira e forestal e ás propiedades e infraestruturas, tanto privadas como públicas”.

Xunto con esta finalidade, e unha vez analizados os proxectos, o traballo do Observatorio permitirá poñer a disposición da veciñanza, do Concello e dos colectivos de Moeche a información necesaria sobre a presentación de alegacións no momento en que se abran os prazos de exposición pública. “Un dos grandes problemas que temos é a falta de información sobre os propios proxectos e sobre o seu estado de tramitación. Xa lle enviamos á Xunta unha solicitude formal para que nos faciliten todos os datos dos que dispoñan en canto á súa situación xeográfica e en que fase se encontran. Iso é fundamental para defender os nosos dereitos”, explica a alcaldesa.

Ata o momento só hai información publicada do parque Nordés, proxectado por Greenalia, e do parque eólico Carbeira, da portuguesa EDP Renováveis. Porén, na internet poden atoparse os nomes doutros tres: Parque Eólico Moeche -Energías Renovables del Noroeste SLU- e dos parques das Loibas e Ulfe-Ventureiro, ambos de Iberdrola Renovables Galicia SL.

No territorio de Moeche habería outro máis, deseñado por ENEL Green Power, que podería entrar en exposición pública nos próximos días, tal e como puido saber o Concello. A empresa xa ten nesa mesma fase da tramitación o Parque Eólico Caaveiro -San Sadurniño, Neda, Fene e Cabanas-, de 78 MW e 15 muíños; e o Parque Eólico Tesouro-A Capela e As Pontes- con 12 aeroxeradores e 60 MW de potencia instalada.

Desde o Concello vólvese insistir, unha vez máis, na recomendación á veciñanza de non asinar ningún contrato referente á venda ou alugueiro de terreos sen contar con asesoramento especializado. Neste sentido, á xuntanza informativa do venres 2 de xullo -Nave do Mercado, 19.30h.- tamén asistirán representantes do colectivo “Ventos do Caxado”, das Pontes, unha das primeiras agrupacións de Galicia que conseguiu contratos de arrendamento negociados conxuntamente polas persoas propietarias coas empresas eólicas. “As persoas que virán por parte desta asociación e do Observatorio Eólico de Galicia darán información moi útil para que todas e todos saibamos que está pasando neste momento en toda a zona e no resto de Galicia co tema dos muíños de vento. Tamén nos contarán que estratexias utilizan as enerxéticas para asentarse no territorio e que dereitos podemos e debemos facer valer diante delas a nivel individual e colectivo”.

O Concello de Moeche tamén quere escoitar a outra parte, a das eólicas, e por iso convocará xuntanzas coas empresas promotoras dos proxectos. A primeira será con ENEL ao longo da primeira quincena de xullo -a data aínda está por concretar- “para que nos explique a todas e todos, tamén ao Concello, que queren facer e a cambio de que. A eólica é unha enerxía limpa e de futuro, pero o seu despregamento debe facerse de forma ordenada e prexudicando o menos posible a paisaxe, o ambiente, o patrimonio e a vida da xente”.